Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Noia investirá 100.000 euros en melloras nos locais sociais das parroquias


A concelleira de Relacións Veciñais, Ana Belén García Vidal, explica que “empezamos arranxando o local social de Barro e continuaremos polos da Barquiña e A Rasa ata completar todos os existentes en Noia”

O Concello de Noia iniciou en Barro o seu plan de mellora dos locais sociais das parroquias do municipio, que vai acometer durante os próximos meses e no que ten previsto investir preto de 100.000 euros. Unhas actuacións que “serán diferentes segundo as necesidades de cada local social”, explica a concelleira de Relacións Veciñais, Ana Belén García Vidal, quen indica que “nalgúns casos, como o de Barro, serán actuacións de mellora interior e exterior do inmoble, mentres que noutros casos o que faremos será achegar novo mobiliario para resolver problemas de carencias ou para dotar de maior comodidade ao gran número de veciños e veciñas que utilizan estes locais”.

No local social de Barro, o Concello de Noia realizou arranxos na cuberta do inmoble que, unidos á reparación e substitución das baixantes e dos canalóns, permitirán mellorar as actuais condicións térmicas do edificio e paliarán os problemas de estanqueidade e de humidades que estaba a sufrir. Unhas actuacións que se completaron co pintado interior do local.

Ana Belén García anuncia que “empezamos polo local social de Barro e seguiremos nas próximas semanas polos da Barquiña e A Rasa ata completar toda a rede de locais sociais nas distintas parroquias”. A concelleira de Relacións Veciñais explica que “estas actuacións responden á gran utilización que os veciños e veciñas de Noia están a facer destes locais, que serven de punto de encontro para a veciñanza e contan con actividades ao longo do ano, algunhas delas achegadas polo propio Concello de Noia”.